Skip to main content

Andaina (1ª época)

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Adina Mocanu,
Jennifer Rodriguez,
Kike Benlloch,
Miguel Alonso Fachado
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Centre Dona i Literatura
2014

Publicación trimestral, ilustrada, editada en Santiago de Compostela e potenciada polas organizacións que deron en conformar a Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas. Nace co obxectivo de dar voz á produción de todas as mulleres e organizacións feministas que queiran participar. A revista fornece un espazo crítico para o debate, o pensamento, a memoria e a acción feminista en todos os ámbitos de relacións sociais. Aborda temas relevantes para o movemento feminista en cada momento o que a converte nunha importante fonte documental. Na primeira época, que vai desde 1983 a 1991, preséntase co subtítulo Revista do Movemento FeministaGalicia e abrangue un total de 24 números e tres especiais. Os catro primeiros números están impresos en tinta violeta sobre papel branco e a partir dos números 5 e 6, ambos realizados en tinta negra sobre papel rosa, estabiliza a tipografía e o formato de cabeceira. Do número 7 en diante presenta papel estucado a cor na portada e contraportada e emprega o branco e negro nos interiores; a partir do número 11 emprégase a maqueta característica deseñada por Uqui Permui.

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 24 números e os tres especiais que compoñen a primeira época da revista Andaina subtitulada Revista do movimento feminista-Galicia (1983-1991). Escrita integramente en galego, ademais de contar coa colaboración de especialistas e estudosas en diferentes áreas de investigación, traballo e coñecemento, os seus contidos e debates teñen que ver coas estratexias, críticas e accións das mulleres integradas nos diferentes grupos e colectivos con actividade en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo, Arousa e Pontevedra que na década de 1980 deron en conformar unha rede de relacións coñecida como Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas. Pretende difundir e animar o debate en torno ás posicións e teorías feministas existentes dentro e fóra de Galicia, denunciar as situacións de violencia, desigualdade e discriminación que lles acontecen ás mulleres, recoller novas propostas, recuperar a memoria e a historia son algunhas das cuestións abordadas nunha revista con clara conciencia de país. A edición dixital, publicada en 2014 e revisada en 2016 e 2017, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Teoría de las emociones y el género en la cultura popular" (FEM2014-57076-P).