Skip to main content

Andaina (2ª época, 1ª xeira)

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Guillermo Manuel Corral Manzano,
Adina Mocanu,
Jennifer Rodriguez,
Kike Benlloch,
Miguel Alonso Fachado
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2017

Publicación trimestral, ilustrada, editada en Santiago de Compostela. Primeira xeira dunha segunda época da revista Andaina que presenta nova numeración e cambios no seu subtítulo, formato, número de páxinas e estrutura. O seu obxectivo é reforzar a revista como punto de encontro das voces e tendencias do feminismo, dar testemuño dos acontecementos, actos e denuncias protagonizadas por mulleres e acadar un público máis amplo. Como consecuencia disto, a revista segue a ser un referente documental do movemento e debates feministas. A segunda época de Andaina, leva o subtítulo de Revista galega de pensamento feminista. Esta primeira xeira da segunda época vai de 1991 a 1999 e abrangue un total de 22 números. Presenta unha directora, Ana Arellano, e un consello de redacción. A estrutura da revista mantén as seccións “Denuncias e comentos”, dossier temático, entrevista e crítica cultural (libros, cine, televisión, teatro e música). Engade apartados de notas breves onde se comentan novas, declaracións e citas: “Celebridades”, “O falar non ten cancelas” e “Referencias de aquí e dacolá”. Aparece unha páxina, “Perfís”, para dar a coñecer diferentes organizacións e créanse espazos específicos para facer memoria de mulleres destacadas: a partir do número 2 a contraportada, con fotografía e nota biográfica; e a partir do número 3, a sección “Recuperar a memoria”. Nalgúns números aparecen seccións específicas de cartas, xardinería, cociña e crítica literaria. O deseño e maquetación segue a cargo de Uqui Permui e a maioría das imaxes son de Mónica Couso ou do arquivo da revista. Todos os números presentan papel estucado a cor na portada e contraportada e emprega o branco e negro nos interiores.

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 22 números de Andaina. Revista galega de pensamento feminista, que conforman a primeira xeira da segunda época desta publicación (1991-1998), que se presenta baixo a dirección de Ana Arellano. Cos cambios producidos na estrutura, no deseño, formato e número de páxinas da revista procúrase acadar un público máis amplo. Mantén o obxectivo de difundir e animar o debate entorno ás posicións, accións, denuncias, propostas e teorías feministas existentes dentro e fóra de Galicia, denunciar situacións de violencia, desigualdade e discriminación, en particular os que atinxen ás mulleres e persoas LGTB, recoller novas achegas, recuperar a memoria e a historia. A edición dixital, publicada en 2017, inclúe:  resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número. 

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Teoría de las emociones y el género en la cultura popular" (FEM2014-57076-P).

https://www.ub.edu/adhuc/es/node/4839