Menú principal de Geocrítica                 Volver al Índice de Biblio 3W
Biblio 3W
REVISTA BIBLIOGRÁFICA DE GEOGRAFÍA Y CIENCIAS SOCIALES
Universidad de Barcelona
ISSN: 1138-9796. Depósito Legal: B. 21.742-98
Vol. VII, nº 379, 10 de junio de 2002

COÑECEMENTO XEOGRÁFICO E CULTURA ESCOLAR.

CLAUDINO, Sérgio Loureiro Nunes. Portugal através dos manuais escolares de Geografia. Século XIX. As imagens intencionais, Lisboa, 2001, 799 páxinas e 3 anexos sen numerar. Dissertação apresentada à Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa para obtenção do grau de Doutor

Xosé M. Souto González (Proyecto Gea-Clío)


Palavras chave: Ensino da xeografía, manuais escolares, ensino da xeografía e intereses sociais.

Palabras clave: geografía, enseñanza, libros de texto, enseñanza de la geografía y sociedad

Key words: Geography Teaching, Textbooks, Geography Teaching and Society


A Xeografía como disciplina académica que se ensarilla na organización do saber decimonónico está moi vencellada a súa institucionalización no sistema escolar que se define no seo do Estado liberal. Na educación escolar das élites burguesas e tamén de outros grupos sociais, aparecen os manuais escolares como expresión dunha cultura social, expresión dun xeito de mirar o mundo. Posteriormente a formación de mestres para Primaria e Secundaria vai incidir na organización dos departamentos universitarios e na institucionalización do sistema escolar non universitario. Este camiño de ida e volta entre o coñecemento "vulgar" reproducido nos manuais escolares e o saber "académico" xerado no seo dos grupos universitarios vai conformando un coñecemento "escolar", ou sexa un conxunto de contidos didácticos que se consideran fundamentais para ser aprendidos polos alumnos de Primaria e Secundaria.

A Tese de doutoramento do profesor Sérgio Claudino apunta a unha certa autonomía dos autores de manuais escolares, alonxados das preocupacións institucionais, aínda que tamén se precibe a infuencia posterior do academicismo universitario, que vai completar esta cosmovisión, co obxectivo de ampliar informacións e dotarlle de máis precisión conceptual. Deste xeito, o saber escolar resulta da simbiose das ideas dos autores dos manuais (que reflexan a ideoloxía dominante) e do "barniz cultural" das informacións que subministra a erudición universitaria. Unha conclusión que resulta moi actual, no actual proceso de debate sobre a idiosincrasia da cultura escolar nos inicios do terceiro milenio.

A análise desta temática, que nos permite avaliar o papel da xeografía no seo da socialización escolar, foi obxecto de análise por parte profesor Claudino, da Universidade de Lisboa(1). O conxunto das aportacións, e as preguntas que prantexa para o futuro, teñen un valor incuestionable para entender mellor a finalidade do saber xeográfico e o artellamento do coñecemento escolar (2).
 

O autor e o asunto de investigación

Sérgio Claudino é un profesor que leva tempo preocupado pola didáctica da Xeografía. O seu curriculum vitae mostra unha adicación específica aos asuntos que teñen relación directa cos aspectos de aprendizaxe e ensino. Desde o ano 1985 ten dinamizado unha morea de seminarios sobre didáctica da xeografía, dirixidos a profesorado de secundaria. O seu interese pola imaxe de Portugal no ensino xa é palpable no ano 1990, a través dunha comunicación no IV Encontro Nacional de Profesores de Xeografía. A súa sensiblidade polo ensino e a súa relación co desenvolvemento rexional queda patente na súa Tese de Mestrado sobre o ensino superior portugués. O seu espírito participativo levou a Sérgio Claudino a integrar o seu labor educativo no seo de diversas asociacións de profesores. Estamos, pois, ante un profesor que relaciona reflexión teórica pedagóxica coa difusión do coñecemento xeográfico nunha rede de ensinantes.

O obxecto da tese de doutoramento é un asunto importante, tanto para o coñecemento da historia da Xeografia como para avaliar as relacións existentes entre educación e sociedade a través da cultura escolar. No eido desta última existen algúns proxectos internacionais sobre os manuais escolares que subliñan os vencellos existentes entre os libros de texto e os proxectos ideolóxicos dos grupos dominantes no seo da sociedade(3). Igualmente no caso concreto da Xeografía sabemos dalgúns estudios parciais que se teñen feito sobre este particular, así como o máis ambicioso dos xeógrafos de Estados Unidos(4). Estamos así ante o asunto que se ben non é un tópico nas investigacións escolares e xeográficas comeza ter un eco máis grande entre os investigadores da educación e da xeografía en particular.
 

A estructura do libro e o estilo literario

O libro estructúrase en sete capítulos, ademais dun resumo introductorio e unha bibliografía, índices e anexos. A extensión dos capítulos indica a importancia que lle concedeu o autor a cadanseu aspecto que organiza o seu discurso: os dous primeiros capítulos supoñen un total de 111 páxinas no que o autor presenta unha información teórica sobre o coñecemento escolar e a representación escolar de Portugal nos manuais escolares. O capítulo 4 se divide en 13 epígrafes no que analiza a evolución do pensamento escolar no segundo cuarto do século XIX, ou sexa o tempo resultante do ascenso da burguesía á conquista do Estado liberal. O cerne básico da disertación do profesor Claudino reside no capítulo 5, dividido en 29 epígrafes, no que examina as chaves dos contidos didácticos que aparecen nos manuais escolares da segunda metade do século XIX. Por último aparece un capítulo final sobre a pesca nos programas e manuais escolares dos anos finais do século XX e iniciais do XXI; sen dúbida é un intento de mostrar a permanencia das rutinas implícitas nos manuais escolares desde a súa consolidación do código disciplinar no século XIX. Esta mesma estructura indícanos a ambición do traballo do profesor Claudino e a necesidade de organizar o capítulo 5 en diferentes apartados, co obxectivo de diferenciar o que se programa e o que se ensina a través dos manuais.

Os diferentes apartados do libro (epígrafes e capítulos) mostran un estilo directo, moitas veces propio da lingoaxe oral, onde son frecuentes as preguntas retóricas para incentivar ao lector, de tal xeito que é fácil de seguir. En calquera caso botamos en falta algunhas introduccións xerais, que permitan dar maior cohesión ao discurso, sobre todo porque este ten moitos argumentos que compre relacionar. Agradécese que os datos estatísticos e as citas literais dos manuais aparezan ao final dos capítulos, para non rachar o discurso.
 

Os fundamentos teóricos do coñecemento escolar e a importancia dos manuais

A introducción, numerada como capítulo 1 é moi breve, deixa clara a hipótese central que manexa o autor: os manuais escolares reflicten o pensamento das autoridades educativas, aínda que ás veces se trasloce unha certa autonomía dos autores dos libros de texto sobre todo os de Secundaria e os que conteñen un maior rigor científico. No século XIX os obxectivos ideolóxicos pretenden crear unha conciencia patriótica, polo que nos manuais atopamos unha apoloxía do estado e unha escasa presencia de problemas sociais.

Como consecuencia da súa investigación sobre a pesca nos manuais do século XX, indica a presencia nos libros escolares de finais de século a orientación europeísta que aparece en pugna constante coa idea de Portugal. Deste xeito as ideas de Estado e Unión Europea aparecen como guieiros ideolóxicos nos contidos educativos da Xeografía, o que tamén acontece noutros lugares, como é o caso de España. Aínda máis, esta oposición Estado/U.E. que el exemplifica nas reformas de 1989 e a que se pretende implementar no curso 2002/2003, é consecuencia dun certo plebiscito docente que rexeita a incorporación das ideas europeas cun claro contido propagandístico nos programas e materiais escolares.

O capítulo 2 realmente é o capítulo onde se botan os alicerces do entramado argumental que vai desenvolver o autor a través da parte empírica da súa investigación. Referímonos á síntese que realiza o autor sobre asuntos básicos que condicionan a estructura do manual escolar e que, ao mesmo tempo, crea un determinado tipo de cultura escolar.

En primeiro lugar, o concepto mesmo de coñecemento escolar, que provén das diferentes percepcións que das teorías pedagóxicas teñen os autores dos manuais. Os modelos centrados na aprendizaxe do alumnado, os que se nuclean sobre os contidos científicos que hai que ensinar e os que procuran unha especificidade do coñecemento escolar como aquel que se constrúe na comunicación do aula, son expostos con grande claridade. Neste capítulo albiscamos a importancia dunha teoría sociolóxica, de corte estructuralista, que explique o papel do Estado no control da producción dos manuais, pois non existe unha correspondencia directa entre definición de cultura pedagóxica oficial e producción editorial. Este asunto creo que merece unha maior reflexión futura, pois podería aportar moita luz sobre a ausencia de correspondencia entre as ideas dos "reformistas ilustrados" e as "resistencias das rutinas docentes", algo que vai suceder tanto en España como en Portugal nos vinte anos finais de século XX.

No diálogo que pretende manter entre o presente e o pasado facilita a síntese que fai o autor das posicións que ten adoptado o ensino da xeografía no Reino Unido, Francia e España respecto á creación dunha materia escolar. O asunto é relevante, pero parece preciso delimitar con máis claridade as etapas cronolóxicas, para evitar certas simplificacións que son inherentes a toda síntese. Así a comparación da Academia en Francia, España e Reino Unido debía estar máis estreitamente vinculada á expansión do imperialismo no século XIX, con tal de definir con claridade o papel do Estado na creación dunha conciencia nacionalista e a súa difusión a través dos manuais escolares, algo que el mesmo vai demostrar para o caso portugués.

Neste senso resulta importante a análise que fai da difusión das ideas de Comenio, coetáneo de Varenio, respecto á institucionalización da pedagoxía e a axuda que lle subministra a tipografía a través da homoxeneización do discurso escolar por medio dos manuais. Transfórmase a instrucción oral en instrucción libresca. Xunto a isto a xeografía rexional, ou dos lugares, vai impoñéndose sobre o coñecemento matemático e astronómico. Aparece así un novo paradigma do ensino da Xeografía, moi vencellada á Historia na creación dunha socialización cultural. Agora ben, facía falta que o Estado definira a súa influencia sobre a nacionalización e patrimonialización dos espacios xeográficos que eran o resultado das interaccións entre ser humano e natureza. Para isto era preciso que o aparello do Estado substituira á Igrexa no papel educador das e dos nenos e adolescentes, unha disputa onde o poder monárquico vai ter un fronte aberto na obra dos xesuítas, polo que a súa explusión de Portugal, no período do marqués de Pombal vai supor o triunfo do Estado. Iníciase deste xeito unha etapa na que o papel do Estado vai ser máis importante para o ensino e polo mesmo a educación patriótica sobre o territorio estatal vai ser un asunto primordial na definición dos contidos didácticos en xeografía.

Este camiño entre as corografías propias da fase dos inicios do ensino territorial e as xeografías, que supoñen unha síntese máis consolidada do saber do Estado-nación, ten unha figura importante en Luis Antonio de Verney que prima o carácter cívico do ensino fronte á prioridade relixiosa. Non obstante, o curriculo do ensino público posterior a 1759 -logo da expulsión dos xesuítas- non provoca o protagonismo escolar da xeografía, que escasamente aparecía nas aulas dos meniños dos nobres. Será a partir das propostas que se fagan xa no século XIX desde a Universidade de Coimbra, que tutela o ensino público pombaliano, cando apareza titubeante a xeografía como materia escolar.

Un asunto clave na expansión do sistema escolar público é a presencia dos manuais escolares. A substitución do ensino individual, aínda importante no século XVIII, polo ensino simultáneo é algo consustancial á hipótese de que o alumnado pode progresar na súa aprendizaxe dun xeito homoxéneo, cun "nivel medio" e que esta aprendizaxe está sostida na presencia dun manual escolar. O manual escolar vai desprazar deste xeito ao mestre, ao docente, como figura preponderante na acción educativa, pois é o responsable de asegurar unha aprendizaxe común aos discentes.

Neste senso vai mostrar a importancia que ten no eido educativo o manual escolar, pois ocupa unha parte importante na actividade das aulas: serve como información resumida do saber, propón actividades, induce a un determinado tipo de metodoloxía e xera uns comportamentos e actitudes por parte dos profesores e alumnos. A letra impresa representa un medio privilexiado de aprendizaxe nos manuais escolares durante os séculos XIX e XX, polo que a chegada dos medios audiovisuais e informáticos pon en perigo a primacía deste medio. Igualmente subliña a importancia que ten a producción editorial de libros de texto escolar sobre o total de producción bibliográfica en determinados países do mundo en desenvolvemento. En consecuencia, os libros escolares, sobre todo en sociedades con escasos medios de comunicación, posúen unha importancia decisiva na socialización do alumnado e, polo mesmo, da cidadanía. Unha afirmación que se debe matizar nos diferentes períodos do tempo histórico, pois así como nestes intres os medios de comunicación de masas ofrecen un xeito diferente de socialización, nas décadas centrais do dezanove os elevados índices de analfabetismo impedirían o acceso a este xeito de socialización a moitos nenos e nenas. En calquera caso son matices que poden dar lugar a novos vieiros de investigación.
 

A importancia do estudio dos manuais escolares

Se os manuais socializan aos individuos temos que analizar cómo se produce esta aprendizaxe no eido da xeografia. Non hai dúbida que o ensino xeográfico sobre os diferentes territorios poden provocar fobias duns países sobre outros, o que deu lugar a conflictos entre países, como recorda Sérgio Claudino con exemplos de países concretos e organizacións internacionais. Pero estes problemas xorden fundamentalmente no inicio do século XX, o que non quere dicir que antes non existiran, pois xa en 1876 temos noticia da protesta da embaixada portuguesa en Londres por estes motivos. A análise que fai o autor mostra a sensibilidade que existe sobre este asunto despois da Segunda Guerra Mundial (p.e. o Instituto G. Eckert ou a propia UNESCO), pero tamén como desde outras institucións trátase de crear unha identidade territorial, caso do Consello de Europa e a Unión Europea, o que pode incidir na concepción dunha cultura europea occidental que "mira" as outras cun certo arrecendo de superioridade. Isto significa que nos manuais escolares de xeografía hai que avaliar non só os conceptos e datos que expresan, senón as percepcións que manifestan dos países e cómo se tratan os problemas mundiais, pois ás veces estes aparecen moi lonxanos, "de uma forma distante, quase impessoal" (páx. 71) o que resulta claramente contradictorio coas proclamas ecoloxistas e pacifistas de moitos gobernantes e grupos políticos dominantes.

Nesta procura dunha socialización en identidades territoriais o autor chama a atención sobre os novos valores de carácter tecnocrático que aparecen no seo das institucións europeas e na denominada sociedade da información. Xorde así un proceso de mercantilización do ensino, onde as grandes corporacións como o Consello de empresas industriais de Europa inflúen na configuración dos contidos académicos, como vén de denunciar Nico Hirtt desde unha perspectiva antiglobalizadora(5). Pero sendo este elemento unha das características máis sobranceiras do ensino no cambio de milenio, entendemos que resulta unha digresión no discurso que se manexa para entender a socialización nacionalizadora que fan os libros de texto para crear as imaxes públicas de Portugal no alumnado.

Por iso botamos en falta un fío conductor que nos permita cohesionar o texto. Chegaría cunha introducción antes de empezar coa análise dos epígrafes 2.1, 2.2., ata o 2.8; ao mesmo tempo que sería bo para o lector que se pechara o capítulo 2 cun resumo das achegas do coñecemento escolar e dos manuais escolares sobre a construcción das imaxes públicas. Isto é, percibimos na descrición minuciosa dos datos e da información acumulado o moito que ten traballado o autor, pero sería oportuno que para a futura publicación da tese dera conta das claves do coñecemento escolar, dos medios que se sutilizan para socializar nuns valores pretendidamente neutros: o territorio nacional, ou europeo neste caso, asociado ao progreso da modernidade e das novas tecnoloxías. Un aspecto que non se pode ignorar, pois en Portugal o 45% dos libros publicados corresponden a compendios escolares e que para un 77% dos profesores entrevistados nunha recente tese de mestrado(6) representa o principal recurso didáctico. Como comparación con España temos que subliñar que as porcentaxes de libros publicados en catalán, euskara e galego alcanzan resultados semellantes nos anos finais do século XX, mentres que en castelán as porcentaxes están sobre o 20-25%.

O capítulo 3 adica o seu contido a avaliar a escolma que fai o profesorado dos seus manuais, de tal xeito que se analizan os criterios utilizados para tal selección. Este capítulo reflicte, sen dúbidas, o rigor metodolóxico e a formación intelectual do seu autor, en tanto que se fai unha análise exhaustiva dos manuais utilizados nas diferentes escolas do Ensino Básico e da Secundaria.

Ademais dos inquéritos realizados polo autor da tese, recurreu ás listaxes de libros e informes enviados polos centros de ensino ao Ministerio de Educación e á Asociación Portuguesa Editora de Libros (APEL). Os seu estudio inclúe tanto referencias a autores, como ás editoriais e fai unha análise por NUTs III, para avaliar a influencia rexional dos autores. Deste xeito é capaz de explicar cómo se produce un cambio nos anos noventa respecto a autores consagrados nos oitenta e cómo os criterios sobre a escolma de libros de texto varía entre o profesorado: cualidade das ilustracións, rigor científico nos das escolas de cursos máis elevados e o prezo dos libros nas aulas de alumnos máis cativos. O profesorado valora a posibilidade de revisar o seu material e as reunións entre colegas para avaliar os materiais ou para recibir información dun novo material.

Toda a explicación deste capítulo, como subliñamos, realízase cun gran rigor, pero ao noso xuízo bótase en falta algunha referencia aos posibles criterios que se utilizaron na segunda metade do século XIX e na primeira do XX; por exemplo sabemos que en España existía a práctica de solicitar o uso dun manual determinado por parte dun profesor-autor a través de diversas presións gremiais ou amigables. Isto que se coñece parcialmente a través de correspondencia entre profesorado, podería servir como hipótese de partida para tentar explicar qué instrumentos utilizaban os profesores para a escolma de material en tempos pretéritos.
 

A creación dun paradigma didáctico da xeografía: as corografías do século XIX

Sobre todo porque o capítulo 4 presenta o panorama do segundo cuarto do século XIX. O autor recupera o discurso histórico dos tempos finais do dezaoito e formula a nova xeira de socialización escolar a partir de 1789. O nacionalismo organicista asenta como teoría lexitimadora dun pobo e dun territorio, pero necesita un substrato científico nunha teoría sobre o territorio. Sen dúbida a Xeografía e a Historia estaban chamadas a esta tarefa. Pero isto non se fai fóra da actuación da burguesía ascendente e a consolidación do Estado liberal decimonónico. E neste senso o autor debería marcar con máis forza esta estreita relación entre o poder político e a lexitimación do seu dominio. Un labor que se podería corrixir cunha introducción xeral do capítulo 4, para logo centrarse nos aspectos particulares que describirá nun total de 13 epígrafes.

Resulta particularmente útil a comparación que podemos facer entre a lexislación española e portuguesa, pois o ensino da xeografía en terras lusitanas ten un maior acougo que nas hispanas. Os estudios realizados pola equipa de Horacio Capel, e máis concretamente por Julia Melcón(7), mostran que a Xeografía xurdiu no sistema escolar español como un coñecemento útil para ilustrar ás élites, ás clases dirixentes, esas que estudiaban Secundaria, ou ben ao ciclo superior de Primaria que era seguido en España da metade de século XIX por un 2% dos nenos varós e a penas 1% de nenas. No caso portugués Sérgio Claudino mostra con datos moi precisos como a xeografía é esquencida nos programas de Primaria. Ainda que aparece citada nas reformas de instrucción primaria dos anos trinta do século XIX, o certo é que non existen programas publicados desta materia. No caso de Secundaria aparece citada nos anos vinte do século XIX, mentres que a partir dos anos sesenta atopamos definidos uns programas con expresión do númeo de aulas e horas.

A influencia política sobre o ensino da Xeografía é evidente na acción lexislativa e tamén vai selo na redacción dos libros de texto, pois como o autor mostra con detalle hai obras que están vencelladas ás posicións conservadoras de don Miguel e outras, a maioría, beben das augas do liberalismo constitucional. Uns manuais escolares que se van constituír no século XIX en auténtica autoridade na elaboración e organización dos contidos didácticos.

O relato pormenorizado que fai o autor das vicisitudes políticas polas que pasa o poder en Portugal subliña o interese dos grupos conservadores por introducir a xeografía no ensino secundario, en especial a xeografía comercial. Igualmente vai abandonando a súa orientación topográfica, astronómica e matemática e vai desenvolver, xunto coa Historia un coñecemento moi ligado ao nacionalismo patrio. Un cambio de rumbo que coincide coa institucionalización do ensino público liberal, substituíndo os vellos esquemas do marqués de Pombal. Igualmente nos libros de xeografía vaise abandonar o esquema universalista do iluminismo e vaise afirmando un ensino máis vencellado á localidade e sobre todo a Portugal.

Os cadros síntese que fai o autor entre as páxinas 170 e 174 son realmente excepcionais. Resultan dunha gran utilidade para avaliar o tipo de xeografía que se estaba ensinando en Portugal e cómo van virando os contidos cara a un nacionalismo de tipo historicista, pois sabe ver moi ben as relacións entre ambos tipos de coñecemento na análise que fai dos manuais escolares. E xorden aquí os primeiros tópicos de Portugal: o atlántico como fronteira do mundo e as terras de España como o interior menos coñecido. Unha visión de Portugal ensarillada no progreso de Europa, fronte á desolación de África. Xorde entón o estereotipo da Lusitania, na procura dunha identidade eterna para a terra portuguesa.

A visión de Portugal está moi condicionada pola evolución política, entre as que destacamos a independencia de Brasil e a emerxencia da lexitimidade constitucional nos anos vinte do século XIX. O problema básico na imaxe que se quere transmitir de Portugal reside na combinación de unidade territorial e unhas posesións que se atopan espalladas por todos os continentes. O resultado desta ambigüidade no reflexo dos manuais escolares é un territorio colonial pouco integrado, como subliña o Sérgio Claudino (pág. 195). Aparece una idea do Imperio chea de nostalxia de "todos os estabelecimentos que outrora possuímos". Unha idea imperial nostálxica que pode axudar a comprender o desinterese polas posesións territoriais noutros continentes.

Outra volta ponse de manifesto o traballo exhaustivo do autor desta tese de doutoramento. Os cadros das páxinas 198-201 sintetizan coa forza expresiva dos datos informativos os cambios de concepción da imaxe de Portugal e a procura da súa identificación: de reino a territorio que se identifica tan só polo seu nome: isto é, por enriba das formas de goberno hai proxecto eterno, unha nación que se proxecta no tempo histórico: Portugal. Pero este territorio é difícil de delimitar, pois se ben as posesións africanas de Bissau ou Cabo Verde aparecen en case todos os manuais, non sucede o mesmo coas que fan referencia a Angola, Mozambique, Goa ou Macau, pois aínda non está preciso o concepto que as define.

Pero Portugal non só é a idea dun Imperio decadente ou nostálxico. Tamén é un proxecto de futuro. E isto parece evidente que se plasma nas élites urbanas. Por iso a descrición de Portugal continental bota os seus alicerces nunha visión urbana do país, lonxe da súa realidade rural. Unha visión urbana que ademais ten unha relación harmoniosa co pasado tradicional -sés episcopais, cidades monumentais- e co resto do territorio. Unha visión apoloxética que non chego explicar cánto debe á ideoloxía e canto a incompetencia dos autores, por exemplo na hipervaloración ou subvaloración demográfica das principais cidades. Un estudio que podemos facer e repensar gracias aos numerosos cadros estatísticos, mapas e cadros sínteses das descricións urbanas que fai o autor da tese de doutoramento que mostra a importancia dos datos empíricos para poder facer un estudio teórico sobre a imaxe do territorio, algo que hoxe vai ser conceptualizado como mercadotecnia territorial. En efecto, os manuais escolares do segundo cuarto do século XIX mostran a idea dunha mercadotecnica territorial, da burguesía urbana das cidades, para proxectar o seu modelo de Estado liberal.

Unhas imaxes territoriais que se personalizan, coherentemente coa visión organicista do territorio e da nación. Pero igualmente estas ideas reproducen o artellamento territorial do Estado portugués, onde as provincias e os concellos adquiren unha gran importancia no proceso de representatividade electoral e no sistema fiscal. Tal como sucedeu en España entre o período 1813 a 1833, en Portugal entre 1827 e 1835 vaise organizando o territorio en provincias. A nova xeira da xeografía escolar vai reforzar os ideais institucionais dos liberais, que procuran valorizar as autarquías locais e desenvolver un sentimento nacional do Estado. Aparece, en consecuencia, unha fragmentación do territorio en numerosas células políticas: estado, provincias, concellos que rachan definitivamente co universalismo do iluminismo.

Resulta moi significativa para a comprensión do cambio que se rexistra no século XIX no ensino da xeografía a información condensada nos cadros das páxinas 224 a 226, en especial a que se refire ao manual Forjaz Sampaio no 1850 que describe os atributos de cada provincia. Isto invita a debater sobre o servicio que prestou, e seguramente presta, o coñecemento xeográfico escolar á consolidación do poder administrativo. Un xiro do coñecemento escolar, que se observa aínda na pouca atención que os autores escolares de xeografía concederon ás coordeanadas xeográficas.
 

O ensino da xeografía e a imaxe pública de Portugal

Parece evidente, á luz dos comentarios que fai o autor do estudio, que na metade do século XIX (pp. 213-232) apreciamos as claves da consolidación dun marco escolar da materia de xeografía: a exposición dun corpo de coñecementos descritivos sobre os territorios fragmentados que configuran Portugal, pero cun sentimento nacional que configura un patrimonio sentido e querido por esta materia escolar. Neste proceso de institucionalización da materia escolar aparecen novos campos temáticos, como o estudio do clima, fronte á tradición ilustrada que privilexiaba a topografía. Isto indica que existe unha simbiose entre socialización patriótica e coñecemento cultural sobre o territorio, que se presume un saber neutro.

O estudio minucioso que realiza o autor sobre os contidos dos libros de texto permite comprobar a presencia dunha serie de rutinas no ensino da xeografía, que se van manter ata este século XXI. Así o estudio da poboación, que se centra na descrición do número de persoas nas diferentes partes de Portugal, onde é factible comprobar que hai rexións, como a do Minho-Douro, que están infravaloradas no seu tratamento, como se desprende do escaso número de páxinas que se lle concede sobre o seu potencial demográfico, en deterimento da hipervaloración de Lisboa e a súa área. Pero tamén aparecen as características da poboación lusitana que van perdurar na imaxe pública dos estereotipos xenéricos: xenerosos, sobrios, bravos, aptos para as ciencias... Unha definición que entendo pode dar lugar a un estudio máis fondo no futuro.

Igualmente a idea de Imperio xorde nestes intres, onde aparece unha dicotomía que cómpre analizar con máis detalle. Por unha banda, a exposición dos recursos do territorio, nunha perspectiva franciscana da natureza, pois o predominio relixioso asulaga todo o contido coñecido: "o catolicismo é a crença de toda a nação", como afirmaba no 1837 un autor que se utilizou como referencia para os redactores de manuais escolares, Malte-Brun. Pero, en relación a isto, tamén aparece o laio sobre o pouco sosego que teñen os protugueses para a aproveitar as riquezas que puxo a Providencia nas mans dos portugueses.

Por outra banda, existe unha tendencia claramente definida desde as empresas mercantís, o que da lugar a que non se analicen aspectos que serían totalmente contrarios a estas formulacións éticas. Sérgio Claudino sabe rastrexar as escasas referencias que aparecen nos manuais escolares respecto ao escravismo, pois non interesa crear este tipo de imaxe pública, nun negocio que tiña unha das súas bases máis importantes en Angola (páxinas 242 e 279).

Outro tipo de oposición que entendemos moi fructífera para estudios posteriores de carácter monográfico, e non só no caso de Portugal, é o que resulta da caracterización da paisaxe agraria baixo o concepto de fertilidade do terreo fronte a presencia da fame, que aparece en numerosas novelas realistas da época. Ou ben a escasa relevancia da urzela ou a pataca fronte ao trigo e o viño, o que mostraría que a xeografía describe os cultivos que interesaban ás crases no poder.

O capítulo 5, o máis amplo do seu traballo, nos introduce no novo "paradigma" do ensino da xeografía. Na segunda metade do século XIX configúrase unha nova xeira de producir o coñecemento xeográfico escolar. As Corografías, os estudios de cariz patriótico, a relación coa historia e a proxección africanista e imperial van condicionar este novo xeito de entender a xeografía, o que inflúe na creación de novos manuais, que ten un fito relevante na figura de João Félix Pereira, que no 1850 publica un compendio corográfico portugués que vai ser o modelo seguido.

Outra volta botamos a faltar unha introducción sobre a organización do capítulo. Neste caso é máis importante, pois o número de epígrafes é moi numeroso (chega a 29), o que dá lugar a que o mesmo autor incorra en erros na numeración correlativa (5.4 polo 5.11 ou 5.7 polo 5.14). Ademais deste xeito sería máis doado para o lector organizar a complexa, exhaustiva e numerosa información. A influencia social, a través da Sociedade Xeográfica de Lisboa, a formación dos mestres, a escasa presencia da xeografía no ensino primario ou técnico e o propio control e mercado dos libros son asuntos que merecen unha presentación inicial para organizar todo o que ven a continuación.
 

A institucionalización do saber xeográfico e o seu reflexo escolar

Podemos diferenciar dúas partes neste capítulo. Por unha banda os once primeiros epígrafes que botan os alicerces da producción editorial: as institucións, os programas, os autores dos manuais, a escolarización en Primaria e Secundaria e o control sobre os libros de texto. Por outra, o resto dos epígrafes, unha análise exhaustiva do contido dos libros, tal como xa fixera o autor no segundo cuarto do século XIX no capítulo 4.

En efecto, o que aparece nas páxinas seguintes é dun gran interese. En primeiro lugar, a institucionalización da xeografía dentro do aparello do Estado portugués. Os servicios da Comisión de Traballos Xeodésicos e Catastrais do Reino facilitan a elaboración dunha cartografía básica. Logo será a Carta Xeolóxica Xeral do Reino e tamén o Consello Xeral de Estatística. Isto supón un conxunto de informacións e datos que serven de complemento ás corografías do país. Pero sobre todo temos que subliñar o papel da Sociedade Xeográfica de Lisboa, non só pola difusión das expedicións xeográficas a Africa (páx. 284), senón pola influencia nos programas escolares e na reivindicación deste ensino en Primaria (pp. 308 e 324). Aínda máis, pensamos que sería moi útil un capítulo monográfico para avaliar o papel desta institución, pois todo indica que inflúen decisivamente na producción dos manuais, xa que moitos dos autores pertencen a esta institución.

Na análise que fai destes autores de manuais botamos en falta un cadro-resumo que sintetice a influencia das súas profesións e ideoloxía. En efecto, a maioría son docentes, pero cál son as súas influencias pedagóxicas. Das lecturas que pode facer Félix Pereira e que poderían influír na súa producción editorial parece que existe unha relación coa tradición xeográfica francesa, coas corografías portuguesas e con nomes do segundo cuarto do século XIX, o que evidencia unha continuidade (Malte-Brun e A. Balbi), segundo tivemos ocasión de debatir co autor desta tese de doutoramento. Deste xeito poderíamos confirmar, ou non, a hipótese de que os autores dos anos cincuenta teñen "um evidente afastamento de preocupações institucionais" (páx. 296). Un asunto que, xa nos anos oitenta, se podería mergullar a través da consulta da Revista de Educação e Ensino, ou ben das polémicas suscitadas nela Sociedade Xeográfica de Lisboa sobre o carácter científico ou non da observación xeográfica (páx. 308). O que si temos a seguridade é de que esta xeira de coñecemento xeográfico vai moi asociada á descrición do territorio, como se manifesta na profesión non docente dos autores: agrónomos, arquitectos, militares.

A relevancia que está adquirindo a xeografía como materia escolar incide tanto na necesidade da formación de mestres, como na redacción de programas de ensino, sobre todo cando a xeografía á altura de 1880 consegue a súa autonomía disciplinar en Secundaria. Aquí temos outra das características desta materia: o seu carácter de saber enciclopédico, apto para ilustrar ós grupos dirixentes, pois non aparece coa mesma intensidade no ensino primario nen no técnico, agás algunha excepción como é o caso dos estudios de Comercio.

Outro asunto importante que analiza o autor é o relativo ao control dos libros de texto, que se clasifican en adoptados (obligatorios nos centros de ensino público), aprobados e prohibidos(8). Tanto no 1860, como sobre todo nos anos oitenta aparecen diversas listas con esta tipoloxía bibliográfica. Sen dúbida manifesta a preocupación do Estado por controlar a formación ideolóxica das e dos seus cidadáns, en especial ás capas burguesas, pois non podemos esquecer que éstas son as que estudian en Secundaria, onde a xeografía ten maior presencia. Unha presencia que vai ensarillada coa explicación histórica, nunha combinación que se fai clásica en toda a Península Ibérica e Francia e que da lugar a modelos clásicos na configuración dos compendios escolares: Lavisse, Vidal de la Blache, Altamira ou Lafuente, tan só por salientar os máis relevantes. Unha maneira de entender a xeografía que ademais do control editorial tamén supuña un control da aprendizaxe realizada polo alumnado; así como ben sinala o Sérgio Claudino nos exames públicos de xeografía existía un modelo memorístico e corográfico, o que acrecentaba o valor das colonias portuguesas, contribuíndo deste xeito á formación dunha imaxe pública do Imperio portugués.

En resumo, os primeiros epígrafes do capítulo 5 constitúen unha sólida información, que nos expón con claridade a presencia dun novo modelo de ensinar xeografía ao alumnado de Primaria e, sobre todo, de Secundaira. Un saber corográfico que é difundido por libros realizados por docentes e outros profesionais vencellados á análise do territorio. Un saber controlado polo Estado, que autoriza os manuais escolares, forma aos profesores e programa os contidos escolares. Un saber que está ensarillado no modelo de país que se difunde desde institucións burguesas, como a S.X. de Lisboa, pois interesa crear unha imaxe pública do Imperio portugués, coas súas colonias, que sexa asumida por todos os cidadáns. Un Imperio que agora quere ser asumido con orgullo, lonxe das preocupacións románticas e católicas dos decenios centrais do dezanove.
 

A consolidación do modelo de xeografía escolar

A Xeografía que se fai na segunda metade do dezanove está cada vez máis próxima á exposición dos países e lugares desde unha diferenciación política, utilizando mesmo os ríos para diferenciar lugares (provincias ou colonias). Non obstante, aínda son perceptibles as pegadas da xeografía matemática, sobre todo en relación coa posición da terra no sistema solar. Evidentemente existe unha escasa preocupación teórica por definir esta ciencia, pois formalmente enténdese que consiste nunha corografía ou descrición dos lugares da terra. Nesta xeira de educación xeográfica vanse configurando dous modelos: un para a etapa de Primaria, que incide máis nos lugares de Portugal e outro para Secundaria que amplía a escala a todo o mundo. Isto significa que desde a metade de século a xeografía colabora na socialización patriótica do alumnado desde as clases de Primaria, unha proposta que está relacionada coa pedagoxía do contorno máis próximo e cos métodos intuititivos que aparecen desde finais do século XVIII en Europa (Pestalozzi) ou en España (Padre Sarmiento).

A imaxe que se xenera neste anos de Portugal está definida pola presencia dun Imperio marítimo con numerosas illas que facilitan a penetración no interior continental de África ou Asia. Neste senso a prolixa descrición de cabos e zonas litorais, sobre todo nas colonias africanas, creo que podería estar en relación coa tradición cartográfica portuguesa dos cartulanos e dos padrões que se utilizaban para representar o litoral, que non era máis co reflexo da estratexia territorial do Imperio portugués, feito de illas e enclaves litorais. Igualmente a influencia dos viaxeiros é evidente na exhaustividade co que se refiren certos detalles do litoral continental. Por iso habería que estudiar estas cuestións metodolóxicas e indagar nas relacións entre as imaxes xeográficas dos manuais e as fontes que estes utilizan para as súas corografías.

Nesta visión harmónica do territorio o autor analiza con sumo cuidado a coherencia que vai tendo a incorporación de novos contidos (p.e. o clima). Así este non profundiza nunhas diferencias térmicas ou pluviométricas, pouco precisas polo estado dos rexistros meteorolóxicos, senón nos caracteres hixiénicos e paisaxísticos. Por iso o clima é un elemento de avaliación da paisaxe desde unha posición casi moralista: clima benigno, bó ou malo.

Un asunto que merecería maior debate é o relativo á caracterización política do territorio. No capítulo cuarto falase de Portugal como unha monarquía (anos 1820 a 1850) mentres que a partir da metade de século (capítulo quinto) falase de reino. Entendo que hai unha transición por definir a Portugal como un territorio máis amplo cá corte lisboeta e as súas posesións. Pero o que non aparece matizada é a idea, se existe, das diferencias entre moderados e radicais (septembrinos) na segunda metade do século, como anteriormente existía entre os absolutistas (don Miguel) e constitucionalistas (don Pedro). Sen dúbida é un dos aspectos que se abren a futuros investigadores, sobre todo na concepción territorial e os consensos que podan mostrar sobre a idea de Imperio, algo que parece existir nos debates da Sociedade Xeográfica de Lisboa. En calquera caso o que resulta máis significativo é o peche cara ao seu cerne (cara dentro) dos políticos portugueses da Regenaração, o que coincide co auxe do novo modelo de xeografía escolar, máis centrada na imaxe harmónica do país.

Ao meu modo de ver isto podería plantexar un pequeño cambio do esquema explicativo e non cinguirse tanto á cronoloxía. En efecto, eu penso que da escolma que fai dos manuais escolares o autor está propiciando a formulación de preguntas e conxeturas como éstas: ¿por qué desapareceu tan rápido Brasil dos manuais escolares? ¿O triunfo de don Miguel no segundo lusto dos anos vinte incide neste "esquecimento" de Brasil? Tal parece como si houbera unha certa amargura pola independencia de Brasil, que aínda poido xermolar noutros lugares, como Angola; é dicir, existían tensións políticas que non aparecen por ningures. Cando se afirma que, na segunda metade de século, os libros escolares acaban por traducir unha realidade parlamentaria (páxina 477), ¿realmente están a reflexar unhas ideas ensarilladas na "dimensão cívico-política"?. Pois de confirmarse esta posición teríamos que os manuais escolares serían unha ferramenta de democratización constitucional dentro das características do Estado liberal. Unha idea que se combinaba coa presencia hexemónica da Igrexa dentro do predominio do catolicismo romano que asulaga todas as páxinas dos manuais.

A escolma de certos problemas relevantes na imaxe pública do Imperio portugués facilitaría o cuestionamento da organización política e a identidade territorial do cidadán, por exemplo na escasa valoración dos distritos e a maior relevancia dos concellos. Igualmente cabería relacionar a escasa valoración do interior continental de Angola e Mozambique coa frustración dunha posición latitudinal no continente africano, sobre todo logo do Ultimatum do Reino Unido no 1890. Ou ben os motivos polos que o antiescravismo chegue aos manuais escolares "quase meio século despois do decreto que determina o tráfico de escravos" (páxina 513), o que sen dúbida está moi relacionado co discurso que existe sobre os indíxenas e o seu "trabalho livremente aceite" (páxina 514).

Eu quixera suxerir para a súa futura publicación unha organización diferente. Se o autor escolma algúns asuntos relevantes, pois todos é imposible, podería ser de gran utilidade non só para un lector portugués, senón para calquera profesor de Xeografía doutros lugares do mundo, a análise de temáticas como as que siguen: a caracterización dos indíxenas fronte a idea de Imperio, a organización dun Estado liberal laico fronte a unha monarquía católica e romana (relacións entre a Igrexa e o Estado), a influencia da cartografía na colonización do territorio e na divulgación deste, os estereotipos rexionais e nacionais como sentimentos territoriais. O autor dispón dunha morea de datos estatísticos e descricións de autores de manuais, que pode utilizar para argumentar as súas hipóteses sobre a creación dunha imaxe pública de Portugal desde os manuais. Porque Sérgio Claudino tén as súas hipóteses, como se manifesta nos títulos dos epígrafes (instruir á cidadanía nacional, cidades menos altivas, o brilho do ouro e da prata, etc.). Tan só fai falta que estas ideas constitúan o eixo do seu fío argumental para que aumente a cohesión do seu discurso. Deste xeito, as grandes ideas que configuran a imaxe pública dun país xerarquizarían a súa exposición e non a análise minuciosa dos manuais escolares segundo un orde cronolóxico. Un exemplo do que dicimos podémolo atopar no capítulo 5.21, onde se reflexa claramente a descrición do mundo urbano vencellado á idea de progreso lineal, unha característica que é coherente cos prantexamentos historicistas e teleolóxicos.
 

A imaxe pública de Portugal nos manuais escolares

A imaxe pública de Portugal, na segunda metade de século, vaise configurando como un territorio que se espalla alén mar cunha morea de illas que permiten a colonización do litoral, pero non existe un dominio continental. Un país con riquezas agrarias, mineiras, hidrolóxicas, cun progreso técnico que se sitúa nas cidades e que se esquece da fame e dos problemas rurais, dos escravos e do Ultimatum do Reino Unido. Todo isto aparece nos libros de texto para aumentar a cultura dos estudantes de secundaria e fomentar o amor por un territorio e un pobo que se define desde as súas orixes (Lusitania) e que se proxecta no contexto marítimo universal. Interesa tanto crear un sentimento nacional, que na agricultura e gandería vanse esquecer datos fundamentais, como a necesidade de importancións, os problemas agrarios da filoxera e non se fai referencia á propiedade nen as fames e problemas sociais do rural. Como sintetiza o autor: "os compêndios manipulam muita da informação, a fim de transmitirem uma imagem positiva do país" (páxina 574).

O denominado capítulo 5.29 pecha esta parte da segunda metade do século XIX cun amplo resumo da "nova corografía" que aparece nos manuais escolares deste período. En realidade son unhas conclusión que sintentizan parte do contido dos 28 epígrafes anteriores e que os relacionan co capítulo anterior.

Neste senso temos que salientar que a institucionalización da xeografía prodúcese sobre todo en Secundaria, pois en Primaria redúcese a uns contidos corográficos sen programación oficial, onde predominan as imaxes do conxunto do país sobre as diferencias rexionais. Non obstante, os libros que van dirixidos a Primaria mostran unha síntese de información e un maior tratamento pedagóxico do texto, procurando engaiolar ao alumno.

Para Secundaria, os autores dos manuais vanse diferenciando progresivamente das directrices oficiais e do saber universitario. Sérgio Claudino defende que a asignatura consolídase na segunda metade do século XIX cunha certa autonomía. De tal xeito que os autores dos manuais non se preocupan tanto dos problemas do Imperio como de transmitir unha imaxe harmónica de Portugal, como territorio que asume os monumentos e os tópicos rexionais como parte integrante do conxunto do país. Unha diferencia cos estudios locais que se fan noutros Estados, como o caso dos estudios provinciais na España da segunda metade do dezanove ou os estudios das nacionalidades históricas (Catalunya, Galicia ou Euskadi) xa no século XX. Esta autonomía fai que se manipule a información procedente das obras de autoridade, como é o caso do libro de G. Perry, que foi unha referencia nesta etapa estudiada. Precisamente este seguimento dun autor de prestixio, como antes de 1860 fora o caso de Balbi, fainos matizar a idea de autonomía dos autores escolares. Xorde a hipótese de que os autores consultan certas fontes académicas e oficiais (p.e. as estatísticas oficiais), pero as manipulan dun xeito ideolóxico que ten que ver coa imaxe que se está configurando de Portugal desde as instancias políticas. Isto é evidente na análise tan pormenorizada que fai o autor da Tese respecto do comercio exterior.

En efecto, a imaxe que existía en Portugal era a dun país que compraba cereais a países extranxeiros e gado a España (páx. 605) e isto fai desvalorizar outro tipo de importacións, como metais, forraxe ou froita. Igualmente a análise dos países cos que se relaciona Portugal, segundo os manuais escolares, revela unha sobrevaloración de países europeos como Francia e, pola contra un relegamento da importancia doutros como Rusia ou Brasil, que xa non é a excolonia que se relaciona coa metrópoli, como presentaban os autores dos libros de texto. Esta manipulación incluso continua cando os autores acuden ás estatísticas oficiais, procurando "um difícil equilibrio entre o discurso ideológico do autor e o confronto com os valores estatísticos" (páx. 608).

O comercio ofrece unha imaxe de país exportador de productos específicos agrarios (viños, laranxas) e importador de productos textís, o que cambia respecto ás colonias, nas que erróneamente incluen a Brasil, pois sobre estas recae a xeneralidade de ser as fornecederas de productos coloniais e importadoras de tecidos, aínda que isto non se corresponda coa realidade, como mostra o Sérgio Claudino no caso de Angola (páx. 622).

O comercio está moi relacionado co transporte, que simboliza o progreso, pero que tamén dificulta a modernización. Os camiños de ferro e o telégrafo son sinónimos da modernidade, á que segundo os autores escolares tamén vai contribuir a industria, pois "o estado actual da nossa indústria fabril, bem como o das artes en geral, pode também considerar-se bastante esperançoso e lisonjeiro", que decía un autor de manuais escolares no 1875.

En conclusión, podemos afirmar que o traballo de Sérgio Claudino mostra con claridade as variables que configuran o paradigma da xeografía escolar non só en Portugal, senón na maioría dos países de Europa occidental no dezanove. Unha xeografía que é causa, pero á súa vez é causada, polo patriotismo do Estado liberal. Un sistema político onde os autores escolares van formulando unha imaxe popular do país, que se difunde desde os intereses sociais das élites burgueses, que estudian no Secundario, e dunha síntese corográfica que chega desde os manuais, non desde os inexistentes programas, a unha masa de alumnos de Primaria, pero que ten pouco valor no ensino técnico, contribuíndo así a labrar unha imaxe de saber erudito e enciclopédico. Unha imaxe que oculta os problemas, tanto sociais (a fame, as revoltas labregas) como ambientais (a filoxera, as inclemencias do tempo), co obxectivo de fortalecer o orgullo de pertenceren a un país próspero e desenvolvido.
 

A pervivencia do modelo escolar enciclopédico

Este modelo de ensino chegou prácticamente ata os nosos días. Unha escolma de contidos que vai asociada a unha metodoloxía onde predomina a memorización das "verdades" da ciencia (aínda que están manipuladas, como vimos). Unha concepción pechada, estanca, do saber escolar.

Precisamente o capítulo 6 pretende mostrar a continuidade deste modelo didáctico que se inaugura nos anos centrais do século XIX. O autor do traballo fai ver as diferencias que existen entre os obxectivos legais, que buscan a autonomía intelectual do alumno, e as propostas dos manuais escolares, que evitan analizar a crise do sector pesqueiro. En efecto, a pesca é o sector de actividade que escolle Sérgio Claudino para avaliar os cambios e continuidades do modelo antedito. Sen dúbida, a pesca fai referencia á expansión marítima dun pobo, o portugués, que sempre estivo ancorado cara ao Atlántico, pero que despóis do ingreso deste país na Unión Europea pasa a depender das estratexias desta institución. Ademais, a pesca facilita o estudio de asuntos tan relevantes, para a formación da cidadanía, como as relacións laborais, o desenvolvemento local dos portos e a avaliación dos ecosistemas fluviais e mariños.

Nas continuidades do modelo acrecéntase o dominio editorial desde Lisboa e Porto, ou sexa unha visión da cultura escolar desde as áreas urbanas. Pero aquí cabe prantexar as dúbidas que afectan á continuidade do modelo. As empresas editoriais teñen unhas estratexias moi diferentes ás que poseían no século XIX e ademais a certa autonomía que tiñan os autores, coñecidos e populares, non se corresponde co que pasa nos anos finais do século XX, onde as empresas van "instigar a alguns professores a redigir os manuais" (páxina 657). Neste senso podemos atopar algunha diferencia.

Igualmente no que afecta á xeografía dos profesores. A cultura dos profesores sen dúbida está mediatizada polo orgullo e grandilocuencia (páx. 679), que fai sobrevalorar o consuno de peixe, a importancia da poboación activa e mesmo das correntes mariñas de Portugal. Tamén se atisba unha fundamentación desde os parámetros máis clásicos da xeografía, como é relacionar a pesca actual cos recursos de cada país, sen considerar o factor determinante da presencia dunha frota pesqueira e as directrices económicas das institucións económicas e políticas (p.e. da Unión Europea). Pero xorden voces discrepantes de profesores, que xa comenzan a producir un discurso máis crítico respecto á explotación dos recursos mariños e a outros problemas do presente.

Con todo, o que máis chama a atención é contradicción existente entre a pretendida formación intelectual autónoma do alumnado e a manipulación da información, para ofrecer unha imaxe da pesca portuguesa que refuga da crise estructural que está a sofrir o sector. Por unha banda, concédeselle unha importancia excesiva á pesca nos países extranxeiros, superior á rexistrada nas estatísticas, e á acuicultura. Por outra, ocúltanse os problemas da reconversión da flota pesqueira, as condicións de traballo, a pulición das zonas de acuicultura, a dependencia das decisións da Unión Europea. En definitiva, existe unha avaliación do sector, xerarquizando os valores da frota industrial, pois iso relaciónase coa conquista do mar polos portugueses. É dicir, existe unha idea de manter a imaxe de prestixio mariño dos portugueses.

Sen dúbida a análise que fai das aprendizaxes realizadas polo alumnado mostran que os manuais escolares inflúen na imaxe que se forman os alumnos da realidade pesqueira: condicionante da frota pesqueira e a formación profesional fronte á crise dos recursos por sobrepesca e os problemas da reconversión da mán de obra. Unha circunstancia que se agrava nos alumnos de pobos máis alonxados do litoral e con máis anos de escolaridade. Igualmente resulta posible que se poda asociar a imaxe de pescar en todo o mundo coas figuras que ilustran algúns libros de texto. Pero, con todo, o que máis chama a atención é que o contido da pesca apareza como un conxunto de informacións pouco problematizadas para o alumno; é dicir, que non da lugar a que este poda facer novas preguntas e formular conxeturas sobre posibles solucións.

Incluso podemos atopar na análise que fai dos manuais escolares, dos últimos anos do século XX, unha verdadeira obsesión pola información. Aínda máis, dos exemplos que recolle das páxinas que estudian a pesca en Portugal, podemos entender que se perdeu a preocupación pedagóxica por dirixirse a un alumnado adolescente. Tal parece que interesa mostrar un gran caudal de información, máis que un obxectivo de ensinar e abrir vieiros didácticos para a formación intelectual do cidadán escolar.

As conclusións que tira o autor no capítulo 7 reflexa con claridade a importancia da investigación realizada, tanto polos resultados obtidos como sobe todo pola apertura de novas ideas para desenvolver no futuro. Sistematiza os tres períodos analizados no seu traballo e por outra subliña as tradicións e rutinas que continúan a existir no ensino da xeografía co apoio dos manuais. Un diagnóstico que pecha con algunas recomendacións. Gostaríanos contar con algunhas páxinas máis para afondar nalgúns aspectos que aparecen nestas ideas.

Salienta a autonomía dos autores escolares respecto á lexislación escolar, case inexistente no segundo cuarto do século XIX e pouco relevante desde os anos sesenta ata final de século, pese a que existen diferentes reformas sobre o ensino liceal, como manifesta no anexo B. Máis ben o que existe, indica o autor, é unha consolidación do modelo xerado polos propios autores. Un modelo que recibe o pulo de autores anónimos, pero onde a influencia de autores coñecidos (como o Abade Gaultier) é evidente. Un xeito de facer xeografía que privilexia a descrición dos ríos, montes e cidades para embocar no modelo da xeografía patriótica, onde o territorio portugués é unha unidade harmónica. Un modelo que recibe a influencia do saber erudito e académico nos anos finais do dezanove e durante o século XX, o que vai conformando un paradigma enciclopédico do saber xeográfico escolar, onde a preocupación pola pedagoxía e pola aprendizaxe, evidente nos manuais do segundo cuarto do século XIX, van deixando paso a unha exposición conceptual abstracta e lonxana aos intereses dos alumnos.

A escolma bibliográfica que utiliza o autor revela o rigor que utilizou na súa investigación. Son vintedúas páxinas de bibliografía en diferentes idiomas (portugués, español, inglés e francés), ademais das referencias en interntet, as estatísticas oficiais e as citas dos libros de texto, que por certo debería ordenar outra vez ao final do volume e non remitir a cada capítulo.

Para o futuro penso que se abre unha importante perspectiva de traballo, pois haberá que ir desgranando cada unha das ponlas do arbre deste modelo didáctico. Sería útil coñecer cómo os autores máis coñecidos divulgan unha xeografía patria, que aparece nas ideas da burguesía ilustrada do dezanove, ás veces relacionada coas sociedades urbanas, como a Sociedade Xeográfica de Lisboa, e outras cos políticos liberais que influirán na creación da Primeira República de Portugal, xa no século XX. Precisamente as oposición ideolóxicas, entre diferentes concepcións de Portugal, sería útil que se analizaran e rastrearan nos libros de texto deste período da segunda metade do dezanove.

Outro asunto que debemos salientar nas aportacións de Sérgio Claudino é o relativo á manipulación das informacións que realizan os autores dos manuais para ofrecer unha imaxe de Portugal: modificación das temperaturas dun lugar, as estatísticas do comercio exterior ou o número de barcos pesqueiros que se deben suprimir. Unhas rutinas que responden a unha mesma finalidade, pero que implica novos xeitos de interpretación da realidade: unha imaxe da paisaxe global de Portugal ou ben as características económicas do país no seo da Unión Europea.

Na análise dos cambios, na producción de manuais, debería facerse máis fincapé na análise das empresas editoras, que como dixemos presionan dun xeito diferente aos autores de materiais escolares. En efecto, os intereses das empresas non sempre son coincidentes coas ideas defendidas polos grupos de renovación pedagóxica, polo que apuntamos para o futuro unha hipótese de traballo para avaliar os manuais escolares: o divorcio existente entre a investigación educativa e o mercado editorial.
 

Notas

1 A Tese de doutoramento foi defendida en sesión pública celebrada na Reitoría da Universidade de Lisboa o día 3 de maio de 2002. Os membros do Tribunal foron os profesores da Universidade de Lisboa: Herculano Pinto Cachinho e María Aleixandre Lousada (do Departamento de Geografia), María Teresa Estrela (Faculdade de Psicologia e Ciências da Educação), da Universidade do Porto: Rosa Fernanda Moreira (Departamento de Geografia), doutor pola Universidade de Santiago de Compostela: Xosé M. Souto e o seu orientador e director o profesor Carlos Alberto Medeiros da Universidade de Lisboa. Se lle concedeu a máxima nota académica: aprobado con distinción e loubanza.

2 Agradezo os comentarios analíticos do profesor Claudino ás miñas opinións críticas que realicéi do seu traballo. O confronto intelectual, alén da amistade, permitiume afondar en certas ideas, que se albiscaban no seu escrito.

3 Referímonos aos proxectos MANES en España e o Instituto Erkhard en Alemania, así como a investigacións que se teñen levado por outros investigadores en países diferentes. Dentro do proxecto MANES lévanse publicados seis volumes sobre catalogación de lexislación e libros autorizados para o século XIX, así como un estudio dos manuais de Pedagoxía na formación do profesorado das escolas de mestres. Sen dúbida un proxecto deste tipo facilitará a análise posterior da producción específica, como é o caso de Xeografía.

4 No Coloquio da Unión Xeográfica Internacional en Porto de 1998 presentouse o proxecto dos xeógrafos americanos consistente na análise dos libros de texto, que pretendían espallar a outros países no seo da U.X.I. BEDNARZ, J, BEDNARZ, S e STOLTMAN, J. The analysis of Geography materials: criteria, systematic review, and consequences, in Culture, Geography and Geographical Education, vol. I, Oporto Symposium, IGU, Commision on Geographical Education, 1998, p. 31-35.

5 Nico Hirtt é un profesor belga que ten escrito diferentes artigos sobre a educación na etapa do neoliberalismo e o proceso de globalización. Interesa a súa denuncia do proceso de mercantilziación e da influencia dos empresarios europeos sobre o curriculum escolar. As páxinas web ligadas a este autor permiten comprobar cáles son os planes

6 Referímonos á Tese de Mestrado da profesora Alzira Santos Silva Alberto: ALBERTO, Alzira. O contributo da educação geográfica na educação ambiental. A geografia no ensino secundário, Lisboa: Centro de Estudos Geográficos da Universidade de Lisboa, 2001, 177 páxinas + 7 anexos

7 A profesora Julia Melcón ten realizado a súa Tese de doutoramento sobre a formación do profesorado e o ensino da xeografía nas orixes da España contemporánea e ten publicados numerosos artigos e libros sobre lexislación educativa e autores de libros de texto. Unha referencia breve pero oportuna é MELCÓN BELTRÁN, Julia. La geografía en la instrucción primaria y el sistema educativo liberal, en GRUPO DE DIDÁCTICA DE LA AGE. Primeras Jornadas de Didáctica de la Geografía, Valencia: ECIR, 1990, pp. 42-44.

8 Neste sentido existe un minucioso estudio en España dentro do proxecto Manes, coordinado por José Luis Villalaín, sobre a lexislación e o listado de obras autorizadas e censuradas das diferentes materias escolares. O estudio de gran alcance está parcialmente editado: VILLALAÍN BENITO, José Luis.Manuales escolares en España. Tomo I. Legislación (1812-1939), Madrid. UNED, 1997 y VILLALAÍN BENITO, José Luis. Manuales escolares en España. Tomo II. Libros de texto autorizados y censurados (1833-1874), Madrid: UNED, 1999.
 

© Copyright: Xosé Manuel Souto González, 2002.
© Copyright: Biblio 3W, 2002.

Ficha bibliográfica

SOUTO GONZÁLEZ, X.M. Coñecemento xeográfico e cultura escolar. Biblio 3W, Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales, Universidad de Barcelona, Vol. VII, nº 379, 10 de junio de 2002.  http://www.ub.es/geocrit/b3w-379.htm [ISSN 1138-9796]



Volver al índice de Biblio3W

Menú principal