| E S P A Ñ A | Martes 27 de Junio de 2000 |
|
||||||
| As probas médicas realizadas ós seis inmigrantes localizados onte nos baixos dun camión en Mijas (Málaga) revelaron que cinco deles eran menores, mentres que o conductor do vehículo denunciou que en Casabranca (Marrocos) grupos de menores organizados soben ós camións para chegaren a España. As probas oseométricas ou de medición de ósos confirmaron que os testemuños dos inmigrantes eran certos e que son menores de idade, polo que a Junta de Andalucía determinará en qué centros de acollida da comunidade autónoma quedan. |
| MÁLAGA. Efe |
|
O conductor, que procedía de Casabranca, seguiu a súa ruta
co camión tras prestar declaración e descartarse que o caso
estea relacionado cunha organización de tráfico de persoas.
Tres dos inmigrantes foron localizados na caixa de ferramentas do camión, despois de que os outros tres baixaran do camión nunha gasolineira do núcleo de poboación de La Cala de Mijas. O camioneiro manifestou na súa declaración que a situación en Casabranca é de tolemia, xa que hai moitos inmigrantes que pretenden vir a España e que se organizan grupos que esperan a menor oportunidade para subiren a un camión, polo que os transportistas están moi preocupados e deben permanecer toda a noite espertos para que ninguén se lles meta no camión. O subdelegado do Goberno central en Málaga, Carlos Rubio, aseguroulles ós periodistas, que segundo o chófer, en Casabranca "hai milleiros de persoas á espera de embarcar en calquera medio de transporte, sexa un contedor ou un camión, ou o que sexa, o que crea un tremendo conflicto entre os transportistas cando fan unha parada ó introducírense na caixa das ferramentas, na carga ou na zona de eixes para pasa-lo Estreito cara a España''. "O Goberno ten intención de facer unha campaña de información, hai un efecto chamada tremendo en miles de marroquís, subsaharianos e outros africanos, hai mala información e a través das mafias ou polo boca a boca provoca un movemento enorme de persoas que queren desprazarse a España cunha esperanza falsa, porque non é como o que lles que di a lei de obter de contado os papeis e de regulariza-la situación'', destacou o subdelegado do Goberno.
|
© 2000 El Correo Gallego. Todos los derechos reservados. Prohibida la reproducción total o parcial del contenido sin la expresa autorización del propietario.