Skip to main content

Deliberadamente. Folha informativa de activismo feminista

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)

Iago ARIAS GONZÁLEZ (documentación)
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2020

Publicación de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), consta de dezaseis números entre 1996 e 2004 con publicación regular cadrando co 8 de marzo e o 25 de xullo. Ademais, nos anos 1998, 2001 e 2002 editou un terceiro número para o 25 de novembro. O deseño da cabeceira destaca a independencia co xogo de palabras do título: de-liberada-mente. A extensión e estrutura son moi variables. Combina artigos con notas breves e nos n.º 5 a 9 aparece a sección “Lendo o jornal”, onde se ofrece unha revista de prensa desde a perspectiva feminista. Informa puntualmente da aparición da Agenda Feminista Galega. Coidadosamente deseñada, adoita empregar o monocromo en tinta violeta sobre papel branco, ou o monocromo noutras cores (gris, verde ou azul). O n.º 1 vai a tinta azul sobre rosa, o n.º 5 vai en policromía, e o n.º 13, de marzo de 2003, dedicado ao desastre ecolóxico do Prestige, en tinta negra sobre branco. Vai ilustrada con fotografías e está redactada integramente en galego seguindo a normativa reintegracionista.

Sobre a edición dixital

Preséntase aquí Deliberadamente. Folha informativa de activismo feminista, editada por Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) entre 1996 e 2004. Os números regulares publicábanse cadrando coas xornadas reivindicativas do 8 de marzo e o 25 de xullo, subliñando deste xeito o seu carácter de foro feminista e nacionalista. O seu contido inclúe debates e denuncias do movemento feminista desde unha perspectiva galega. Incide en particular no antimilitarismo, o antipatriarcado, as diversas formas de violencia contra as mulleres, dereitos reprodutivos, a precarización, os espazos de independencia e a visión feminista fronte á globalización e Europa. Informa sobre as actividades e publicacións das MNG, así como sobre a creación da Marcha Mundial das Mulleres (MMM).

A edición dixital, publicada en 2020, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Tránsfugas y parias modernas: género y exclusión en la cultura popular del s. XXI" (FEM2017-83974-P).