Skip to main content

Mulleres Cristiás Galegas (2ª época)

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariám MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2024

Publicación ilustrada de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, editada en Santiago de Compostela e cunha periodicidade bimestral ou trimestral, agás os números de outubro de 2003 e de febreiro de 2004. Boletín impreso en branco e negro. A partir do nº 5 as cubertas e contracubertas van sobre fondo lila, verde ou azul. Comprende un total de dez números publicados entre 2002 e 2004. A partir do n.º 6 conta cunha mesa de redacción formada por Maite Pérez Vázquez, Marisa Rodríguez Pereiro e Marisa Vidal Collazo. En canto á estrutura da revista, as primeiras entregas presentan poucas seccións e falta de uniformidade. A partir do n.º 5 xorden seccións novas como “De aquí e de acolá”, con notas breves sobre informacións diversas, a sección de denuncias “Historias para non durmir” e "O Sur tamén existe", sobre unha experiencia misioneira en Ecuador. “Contos ó abeiro dun paraugas” e “Estou lendo un libro” aparece na maioría dos números. O resto de seccións non ten unha continuidade significativa. As fotografías reflicten as actividades de Mulleres Cristiás Galegas a nivel local e internacional. Agás no número especial, adoita aparecer banda deseñada na última páxina. O especial está integramente dedicado ao desastre do Prestige e ao movemento NUNCA MÁIS, no que a organización se inserta. Adoitan empregar como fontes creatividadfeminista.org, Mujeres en red, Amnistía Internacional, Asociación Proyecto Colombo Salvadoreño (COSAL) e Vieiros.

 

Sobre a edición dixital

Presentamos aquí os 10 números, mais un número especial, correspondentes á segunda época do boletín Mulleres Cristiás Galegas, publicados entre 2002-2004 pola Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Como na súa primeira época, actúa como canle de información e difusión dos debates e actividades da organización así como da rede de contactos que establece con outros grupos e plataformas de carácter cristiá, feminista, social, pacifista e ecoloxista. Comeza no n. 3, remata no n. 12 e, no mes de agosto de 2003, engade un número especial, coa súa versión en inglés, sobre o desastre do Prestige cadrando co Synodalia dese ano.

 

A edición dixital, publicada en 2024 inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

 

Esta edición dixital é un resultado do GRC Creació i pensament de les dones (2021 SGR 01097). 

https://www.ub.edu/adhuc/ca/node/5977