Skip to main content

Andaina (2ª época, 2ª xeira)

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariám MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Adina Mocanu,
Jennifer Rodriguez,
Kike Benlloch,
Miguel Alonso Fachado
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2021

Publicación cuadrimestral, ilustrada, editada en Santiago de Compostela. A segunda xeira da segunda época de Andaina fai cambios no formato, número de páxinas e estrutura, mantén a continuidade na numeración e o subtítulo de Revista galega de pensamento feminista. O seu obxectivo é reforzar a revista como punto de encontro das voces e tendencias do feminismo e o movemento LGTBIQ+, dar testemuño dos acontecementos, actos e denuncias de discriminación. Publícase entre 1999 e 2003 cun total de 13 números. Elimina a figura da directora e presenta un consello de redacción formado por Ana Arellano, Nanina Santos, Berta Rey, Milagros Becerra, Felicia Estévez, Laura Gómez e Ana Luisa Bouza. A estrutura da revista mantén as seccións “Denuncias e comentos”, dossier temático, entrevista, crítica cultural (libros, cine, televisión, teatro e música), seccións de notas breves onde se comentan novas, declaracións e citas (“Celebridades”, “O falar non ten cancelas” e “Referencias de aquí e dacolá”). Desaparece a sección “Perfís” e amplíanse os espazos destinados a dar a coñecer organizacións feministas e LGTBIQ+. A contraportada está destinada a recuperar a memoria de mulleres singulares con fotografía e nota biográfica. Nalgúns números incorpora as seccións “Publicacións chegadas ao noso buzón” e “páxin@s de mulleres” na rede de internet. O deseño e maquetación segue a cargo de Cebra (Uqui Permui) e a maioría das imaxes son do arquivo da revista. Todos os números presentan papel estucado a cor na portada e contraportada; emprega o branco e negro nas páxinas interiores.

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 13 números de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (1999-2003), que conforman a segunda xeira da segunda época da publicación. Desta volta preséntase cun consello de redacción composto por Ana Arellano, Nanina Santos, Berta Rey, Milagros Becerra, Felicia Estévez, Laura Gómez e Ana Luisa Bouza. Presenta cambios con respecto á xeira anterior na estrutura, no deseño, no formato e no número de páxinas. Mantén o obxectivo de difundir e animar o debate entorno ás posicións, accións, propostas e teorías feministas e LGTBIQ+. Destacan as denuncias de agresións, desigualdade e discriminación, en particular as que atinxen ás mulleres e persoas LGTBIQ+, e recupera a memoria das mulleres e dos feminismos para a historia.

A edición dixital, publicada en 2021, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Tránsfugas y parias modernas: género y exclusión en la cultura popular del s. XXI" (FEM2017-83974-P).