Skip to main content

Andaina (2ª época, 3ª xeira)

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariám MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Uxía Sánchez García
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2023

Publicación semestral, ilustrada, editada en Santiago de Compostela. A terceira xeira da segunda época de Andaina mantén o subtítulo Revista galega de pensamento feminista, o número de páxinas, as seccións e a temática. Hai cambios no deseño, que é da autoría de Uqui Permui. Mantén a continuidade na numeración. Por lapsus nos créditos, o n.º 63 indica “último semestre”, en lugar de “primeiro semestre”. No n.º 64 hai disparidade na datación que aparece na cuberta e nos créditos pero nunha nota aclaratoria indícase que é a derradeira entrega de 2013, e avisa que a crise afecta a Andaina e van dedicar máis esforzo á edición dixital. Publícase entre 2008 e 2013 cun total de 15 números, un deles dobre (n.º 61-62). O consello de redacción está formado por: Nadia Álvarez Fernández, Ana Arellano, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra, Ana Luisa Bouza Santiago, Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Laura Gómez Lorenzo, Pilar Pérez Rey, Saleta de Salvador Agra, Nanina Santos Castroviejo, Iria Vázquez, Estrela Villaverde e, a partir do n.º 63, María Teresa Gómez Louzao. A maioría das imaxes son do arquivo da revista. Todos os números presentan papel estucado a cor na portada e contraportada; emprega o branco e negro nas páxinas interiores agás no n.º 50, que emprega cor no dossier.

 

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 15 números de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (2009-2013), que conforman a terceira xeira da segunda época da publicación. O consello de redacción está composto por Nadia Álvarez Fernández, Ana Arellano, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra, Ana Luisa Bouza Santiago, Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Laura Gómez Lorenzo, María Teresa Gómez Louzao, Pilar Pérez Rey, Saleta de Salvador Agra, Nanina Santos Castroviejo, Iria Vázquez e Estrela Villaverde. Mantén continuidade na numeración, seccións e número de páxinas. Actualízase o deseño.

A edición dixital, publicada en 2023 inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do GRC Creació i pensament de les dones (2021 SGR 01097). 

https://www.ub.edu/adhuc/ca/node/5827