Skip to main content

S'homos

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2021

Publicación ilustrada, editada en Santiago de Compostela. A publicación comprende un total de 12 números publicados entre 1991 e 1996 con periodicidade irregular e ao longo de toda a súa traxectoria publica, cando menos, un número co gallo do 28 de xuño. Ten como obxectivo proporcionar un punto de encontro para compartir reflexión e dar testemuño dos acontecementos, actividades e denuncias sobre a discriminación que sofren gais e, tamén, lesbianas, bisexuais ou transexuais no seu camiño para acadar unha plena liberación sexual. Os dous primeiros números aparecen editados polo Colectivo Homosexual de Compostela que, en 1992, pasa a se chamar Colectivo Gai de Compostela. A partir do número tres, esta vai ser a denominación da organización editora que, desde o número 7, se visibiliza no subtítulo: Voceiro do Colectivo Gai de Compostela. 

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí 11 dos 12 números de S’homos, publicación editada entre 1991 e 1996 polo Colectivo Homosexual de Compostela (CHC), que a partir de 1992 pasa a se denominar Colectivo Gai de Compostela (CGC). Ten como obxectivo servir de instrumento para a concienciación, difusión, denuncia, crítica, reflexión e debate arredor das discriminacións sufridas por gais, e tamén lesbianas, bisexuais e transexuais. Quere ser unha ferramenta de loita sen esquecer a parte lúdica e celebrativa para a consecución dunha plena liberación sexual. Está aberta á participación, presenta propostas culturais e de lecer, engade notas breves de información xeral e artigos encamiñados a recuperar a memoria do CGC e do movemento gai e lésbico ao longo da historia.

 

A edición dixital, publicada en 2021, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice documentado; índice e resumo de cada número. Esta edición é un resultado dos proxectos "Tránsfugas y parias modernas: género y exclusión en la cultura popular del s. XXI" (FEM2017-83974-P) e "Memorias de las masculinidades disidentes en España e Hispanoamérica" (PID2019-106083GB-I00).